Presentación do premio de xornalismo "Adiante-Forward"
A Fundación Curros Enríquez, a Facultade de Ciencias da Comunicación, o Colexio de Xornalistas e a Asociación da Periodistas de Santiago presentan o Premio de Xornalismo “Adiante-forward”, destinado a xornalistas de menos de 30 anos.
O premio, patrocinado por unha familia de emigrantes de Celanova residentes en Florida (EEUU), consiste na concesión dunha bolsa de 3.000 euros destinada a completar formación mediante cursos específicos, realización de practicas en medios de referencia ou desenvolvemento dalgún proxecto editorial.
Convoca: Fundación Curros Enríquez
Lugar: Sala de Xunta do Decanato da Facultade de Ciencias da Comunicación (Santiago de Compostela)
Data: Xoves, 3 de setembro
Hora: 11,00 horas
Tema: Presentación do Premio de Xornalismo “Adiante-forward”, destinado a xornalistas de menos de 30 anos
Participan:
- José Luís Ferro Iglesias
Presidente da Fundación Curros Enríquez e Alcalde de Celanova - Xosé Ramón Pousa
Decano da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC - Xosé Manuel Pereiro
Decano do Colexio de Xornalistas de Galicia - Luís Menéndez
Presidente da Asociación de Periodistas de Santiago de Compostela - Delfín Cid e Frank Cid
Patrocinadores do Premio de Xornalismo - Antonio Piñeiro
Secretario da Fundación Curros Enríquez
Observacións:
Conscientes do permanente estado de mudanza no que vive a profesión xornalística, así como das dificultades que os novos xornalistas teñen para acceder ó mercado laboral logo de rematar a primeira fase (é dicir, a universitaria) do seu proceso formativo…
Conscientes, así mesmo, das serias dificultades que os profesionais que empezan a desenvolver o seu labor en calquera soporte informativo teñen para poderen chegar ó receptor da información con nome propio…
Conscientes finalmente, de que aínda que existen multitude de concursos, recoñecementos e galardóns xornalísticos, a práctica totalidade deles están pensados para xornalistas que contan cunha ampla traxectoria profesional e cunha firma en moitos casos xa recoñecida ó ser avalada por anos de experiencia…
Tendo en conta tamén que Curros Enríquez empezou a relacionarse co xornalismo a unha idade moi nova e mesmo a traballar en Madrid no xornal “El Imparcial”, gracias a un concurso convocado por ese xornal, que lle permitiu logo desenvolver a súa traxectoria vital dedicada ó xornalismo…
E contando, finalmente, co patrocinio da familia Cid e coa colaboración do Concello de Celanova, a Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela, a Asociación de Periodistas de Santiago de Compostela, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e o Centro Pen de Escritores de Galicia, a Fundación Curros Enríquez decidiu crear o Premio de Xornalismo “Adiante-forward” para xornalistas de menos de 30 anos.
Temática proposta para esta primeira edición:
• O despoboamento de Galicia e as súas consecuencias económicas: Cómo reverter a tendencia para non termos que volver emigrar