Crear PDF Recomendar Imprimir

Un xogo de pistas para coñecer Vilanova dos Infantes a través dun relato de Méndez Ferrín

  • Votación
    (0 votos)
  • Data
    Luns, 28 de abril de 2014
  • Gústame

friahortensiaA creación dun xogo de pistas para coñecer Vilanova dos Infantes, baseado no relato "Fría Hortensia" de Méndez Ferrín, será a última proposta cultural do Obradoiro de Emprego "Camiño de San Rosendo".

Os alumnos do Obradoiro, que remata o próximo martes, desenvolverano o próximo luns pola mañá para definir sobre o terreo a proposta.

A realización práctica dun xogo de pistas destinado a descubrir Vilanova dos Infantes tomando como referencia un relato do escritor vilanovés, Xosé Luís Méndez Ferrín, será a última proposta cultural do Obradoiro de Emprego “Camiño de San Rosendo” antes de que o próximo martes, día 29 o centro peche definitivamente as súas portas ó se cumpriren os 6 meses programados pola Consellería de Traballo e Benestar e os Concellos de Celanova, Bande e Verea para o proceso formativo de 20 alumnos que participaron neste proxecto pioneiro no ámbito dos obradoiros de emprego ó contar con catro módulos destinados á elaboración de productos culturais, á xestión de webs e redes sociais no campo da promoción turística, á xestión de producto turístico e á atención do visitante e guía turístico.

O xogo toma como referencia un conto recollido da mitoloxía artúrica por Méndez Ferrín no relato “Fría Hortensia” que está ambientado en Vilanova dos Infantes, de forma que os futuros participantes nel acabarán adentrándose na literatura ferriniana por lugares propios do seu universo literario como “A Nosa Terra”, “Tagen Ata”, “Terra Ancha”, etc., e coñecendo a persoeiros como “Dindadigoe”, “Enmek Tofen”, “Isbelt”, etc., a través de escenarios simbólicos de Vilanova dos Infantes.

UN XOGO DE PISTAS

A actividade proposta consistirá nun xogo de pistas por equipos cunha duración aproximada duns 50/60 minutos.

A “Fría Hortensia” será a encargada de recibir ó grupo e de dar comezo á actividade facilitándolle información, un mapa e a primeira pista. A partir dese momento, os participantes, divididos nun máximo de 6 grupos, terán que resolver os enigmas que os

leven dunha pista a outra. Xunto coas pistas, atoparán máis fragmentos de conto que irán

dando forma á historia da Nosa Terra e Tagen Ata.

Cada grupo representará a un dos personaxes da historia: Enmek Tofen, Dindadigoe, Lord, Isebelt, Águia Cirus e Espada Derbfoll. Os fragmentos do conto “Fría Hortensia” que atopará cada grupo estarán contados dende o punto de vista do personaxe ó que representan. Cada equipo escollerá un capitán ó que se lle facilitará un brazalete co seu

correspondente escudo identificativo e aquel equipo que supere as pistas propostas acabará gañando o xogo.

Os alumnos e alumnas do Obradoiro de emprego, xunto cos seus monitores, logo de traballar no deseño do xogo do guión, o que farán é realizalo sobre o terreo co fin de que dende o Concello de Celanova e a Fundación Curros Enríquez traballen logo na comercialización do mesmo para poder amosar Vilanova dos Infantes dende unha perspectiva literaria diferente á que ten sido amosada ata o de agora.

Cabe salientar que Xosé Luís Méndez Ferrín amosouse moi agradecido e, sobre todo, moi ilusionado porque o lugar que tan presente está na súa obra literaria e na súa propia vida poida ser ensinado dende a perspectiva turística e cultural a través da súa obra.

A actividade terá lugar ás 12,30 horas por distintas rúas e espazos de Vilanova dos Infantes e unha vez reamte o xogo no local social da antiga escola de Vilanova levarase a cabo unha posta en común das experiencias co fin de achegarse ó relato completo de “Fría Hortensia” e analizar a futura viabilidade da iniciativa.

 

      ©2012 - Concello de Celanova.                                                                                                                               Aviso legal | Accesibilidade | Contacto | Mapa web |Facebook| Correo