Crear PDF Recomendar Imprimir

A exposición "51 páxinas das nosas letras" do Parlamento de Galicia está durante esa semana en Celanova

  • Votación
    (0 votos)
  • Gústame

exp 2014A exposición "51 Páxinas das Nosas Letras" permanecerá aberta ata o domingo en Celanova

Está organizada polo Parlamento de Galicia en colaboración coa Real Academia Galega e reproduce outras tantas medallas dos 51 recoñecidos co premio do "Día das Letras Galegas"

Os baixos da Casa do Concello de Celanova, onde actualmente se ubica unha sala polivalente no lugar que antigamente albergaba a biblioteca municipal, acolle durante esta semana a exposición “51 páxinas das nosas letras”, unha mostra producida polo Parlamento de Galicia en colaboración coa Real Academia Galega e coa Consellería de Cultura e Educación e na que se reproducen outras tantas medallas coas efixies dos 51 persoeiros recoñecidos dende 1963 no Día das Letras Galegas e que foron realizadas polo escultor Manuel Ferreiro seguindo uns deseños do debuxante Siro López.

exp 2014A mostra foi aberta ó público o luns pola tarde e no acto de apertura estiveron presentes o alcalde de Celanova, José Luís Ferro, o Vicepresidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices e o Delegado Territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Rogelio Martínez, así como o autor das medallas, Manuel Ferreiro.

José Luís Ferro destacou a íntima relación que Celanova ten co ámbito da literatura galega, non en van dous dos seus fillos, Manuel Curros Enríquez e Celso Emilio Ferreiro, están por dereito propio na mostra, alén de que o anterior presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín teña profundas raíces que o ligan vitalmente a esta terra, e polo tanto amosouse profundamente agradecido porque o Parlamento de Galicia decidira contar con Celanova como un dos puntos de parada desta mostra itinerante.

exp 2014Pola súa parte, Miguel Santalices subliñou que a mostra ten unha clara vocación divulgativa, co fin de tratar de achegar “o universo das letras galegas dun xeito especial aos mozos e mozas, aos nenos e nenas nos que reside o noso futuro”, mentres que Rogelio Martínez indicou que a colaboración da Xunta de Galicia na mostra insírese no intento de “dar un paso máis no convencemento de que o Día das Letras Galegas posúe un valor extraordinario, centrado nun autor ou autora de prestixio, no que se reflicte o esencial do noso xeito de ver o mundo”.

A exposición foi inaugurada na sede do Parlamento de Galicia o pasado 2 de decembro e desde entón xa estivo na Coruña, Ferrol e O Carballiño, para chegar a Celanova estes días e continuar o seu periplo por outras moitas localidades galegas relacionadas cos persoeiros ós que algún ano lles foi dedicado o Día das Letras Galegas.

 

      ©2012 - Concello de Celanova.                                                                                                                               Aviso legal | Accesibilidade | Contacto | Mapa web |Facebook| Correo