Crear PDF Recomendar Imprimir

Paquete turístico Un día en Celanova

  • Votación
    (1 voto)
  • Data
    -
  • Gústame

un_dia_celanovaDende Celanova ofértase a posibilidade de vivila, desfrutala e mesmo mergullarse na súa cultura e gastronomía dentro dun paquete turístico que recolle as seguintes actividades.

Celanova: Un paseo pola historia de Galicia

PROGRAMA:

11:00
Recepción e visita á Casa dos Poetas (Idade Contemporánea. Rexurdimento da literatura galega)
: Tras a benvida a Celanova “Terra dos poetas”, dirixirémonos á casa familiar de Curros, onde coñeceremos a súa historia e afondaremos na vida e obra dos poetas. Na mesma rúa poderemos ver a casa familiar de Celso Emilio Ferreiro. Duración da visita guiada: 1 hora.

12:00
Percorrido literario a través dos “Poemas na rúa” (Idade Contemporánea): Seguindo o mapa dos 14 paneis distribuídos polo Casco Urbano de Celanova, os participantes poderán percorrer todos ou parte deles, coñecendo distintos recantos de Celanova a través das palabras escritas por Curros Enríquez, Castor Elices, Celso Emilio Ferreiro, Xosé Velo, Castor Méndez Brandón ou José Benito Buylla. O percorrido é apropiado para coñecer os principios fundacionais de Celanova como asentamento social ligado á fundación monacal, así como súa eclosión urbana e desenvolvemento comercial a partir da Desamortización de Mendizábal e da exclaustración dos monxes benedictinos)

13:00
Visita ó Mosteiro de San Salvador (Alta Idade Media. Idade Moderna. O barroco. O edificio trala Desamortización): Trátase dun fermoso mosteiro do século XVII-XVIII que esconde nas súas traseiras a capela mozárabe de San Miguel, datada no século X e única no seu estilo en Galicia. Este edificio foi usado tamén como prisión durante a represión franquista, onde cumpriron condena milleiros de presos políticos procedentes de todo o norte de España. Duración da visita guiada: 1 hora, polo interior da igrexa (incluído o coro alto e a sancristía), o claustro barroco e a capela de San Miguel. Para pequenos grupos (de non máis de 10 persoas) existe a posibilidade de subir á Torre das Campás e contemplar unha fermosa panorámica do conxunto monacal, así como do casco urbano de Celanova.

14:00
Xantar: Hai diversos restaurantes no casco urbano ou nas inmediacións de Celanova nos que é posible degustar (algúns deles por encarga) distintos pratos dos máis tradicionais da gastronomía galega de interior como son o cocido galego (con productos propios dunha comarca na que existen distintas fábricas de embutidos e chacinería), os callos, o bacalao á galega, así como un prato dotado de grande personalidade culinaria como é a “Pata dos poetas”, que é pata de becerro estofada e que é posible degustar unicamente no Restaurante “O forno do Lito”.

Outros restaurantes da vila son:

Restaurante O Forno, Restaurante Betanzos, Mesón Vieira, Restaurante Airiños, Restaurante Moreiro, Restaurante O Candil, Restaurante Anros, Parrillada O Cristal (O Cristal – Vilanova dos Infantes – N540), Parrillada Carfaxiño (Carfaxiño – Vilanova dos Infantes – N-540), Restaurante O Barbas (Mourillós)

16:00
Visita ó xacemento arqueolóxico de Castromao (Cultura Castrexa e Romanización): Visita ó xacemento arqueolóxico de Castromao situado a 2 Km de Celanova. Esta visita é opcional en función do perfil de visitantes, xa que o autobús só chega á base do xacemento e dende alí hai que subir ata as escavacións a través dun itinerario cómodo e non moi longo, pero que debe ser realizado monte a través. O xacemento arqueolóxico de Castromao é un dos xacementos arqueolóxicos máis interesantes de Galicia datado entre os séculos VI ou V a.c. É un castro ocupado xa dende unha época prerromana e que logo sufriu unha forte romanización. Trátase polo tanto dun xermolo do que agora é Celanova. Duración aproximada de 1 hora. Unha parte importante do castro está totalmente escavado polo que ó realizar o percorrido sinalizado ademais de visitar o conxunto habitacional onde apareceu a Tábula de Castromao (cuxa reproducción se atopa instalada na Praza das Pitas de Celanova) pódense comprobar as distintas técnicas utilizadas pola arqueoloxía moderna para a realización de traballos de investigación arqueolóxica. 

17:00
Vilanova dos Infantes (Baixa Idade Media e devoción mariana)
: Vilanova dos Infantes foi a aldea natal da nai de Curros e tamén está moi relacionada con X.L. Méndez Ferrín. É un pequeno burgo medieval moi ben conservado arquitectónica e urbanisticamente, no que destaca a Torre da Homenaxe, que é o único que queda do Castelo fundado no século XII e que pertenceu ás principais casas señoriais da Galicia da Idade Media e Contemporánea como foron os Zúñiga, os Viedma, a Casa de Lemos e finalmente ó Conde de Monterrei. A visita inclúe un percorrido histórico polas Terras de Celanova e a posibilidade de contemplar unha fermosa panorámica do conxunto urbano e do seu entorno xeográfico dende a plataforma superior da torre.

Ademais da torre paga a pena realizar un paseo polo interior do burgo, tendo a posibilidade de visitar tamén:

Igrexa Parroquial e Santuario da Virxe do Cristal (Tradición mariana): A igrexa parroquial de Vilanova dos Infantes atópase situada no exterior do burgo medieval e aínda que no seu conxunto arquitectónico non ten elementos artísticos de interese, no seu interior conserva unha valiosa talla artística dun Cristo Redentor románico procedentes moi probablemente da igrexa do desaparecido mosteiro de Santa María de Vilanova fundado pola nai e a irmá de San Rosendo, Ilduara e Adosinda

Na Casa Parroquial, situada a carón da igrexa, o párroco de Vilanova e rector do Santuario da Virxe do Cristal custodia e non menos valiosa e curiosa (por única no mundo) imaxe da Virxe do Cristal que deu pé Trátase dunha pequena imaxe da virxe envolta polo misterio de como a súa figura foi introducida no medio dun cristal de vidro e que foi popularizada pola lenda que describe a súa aparición e que poetizou maxistralmente Curros.

Exposición permanente sobre os Zapateiros e adega de San Vivián: Dentro do conxunto urbano de Vilanova dos Infantes, na zona coñecida como Trala Cerca, atópase unha singular construcción soterrada coñecida polos veciños como “Adega de San Vivián” cuxa construcción se perde na noite dos tempos e no enigma da súa función orixinal. Actualmente na planta superior do edificio que a alberga atópase montada unha exposición permanente sobre o oficio dos zapateiros de Vilanova e a través da cal o visitante poderá realizar unha aproximación histórica a Vilanova dos Infantes, á súa actividade social e á súa literatura que nos conecta coa figura do escritor contemporáneo máis importante da literatura galega e actual presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín, que conserva ademais a súa casa paterna tamén en Vilanova.

VANTAXES DO PROGRAMA:

  • FACILIDADE na organización: Cada programa adaptarase ás necesidades de cada grupo concertando as visitas escollidas.
  • BAIXO CUSTE das visitas: A maioría das visitas son gratuítas.
  • Todas as visitas poden ser GUIADAS.
  • INTERACCIÓN con outros departamentos docentes: As visitas poden ser compaxinadas con outros programas formativos como son os Concertos Didácticos de órgano, así como cunha visitas guiada a Celanova a través da música.
  • PERNOCTACIÓNS: Para grupos xuvenís existe a posibilidade de usar o albergue municipal, o que permite organizar a estancia en dous ou máis días. Consultar tarifas no Concello de Celanova.

Os horarios son orientativos.

Existe a posibilidade alternativa de realizar un percorrido pola Ruta Currosiana, pola Ruta da Casa da Neve, así como polo Camiño de San Rosendo. Na primeira delas é posible realizar unha actividade literaria guiada supeditada á dispoñibilidade do persoal da Fundación Curros Enríquez.

 

      ©2012 - Concello de Celanova.                                                                                                                               Aviso legal | Accesibilidade | Contacto | Mapa web |Facebook| Correo