O Alcalde de Celanova manterá a primeira Xunta de Portavoces do seu mandato
Tal como anunciara no acto da súa toma de posesión como alcalde de Celanova, o pasado día 25 de setembro, na liña de promover un achegamento ó diálogo e ó intercambio de opinións coa oposición, José Luis Ferro convocou ós portavoces dos grupos políticos que forman parte da corporación municipal, é dicir, Máximo Losada polo PP, Leopoldo Rodríguez polo BNG e María Jesús Boo polo PSdG-PSOE, a unha reunión de constitución da xunta de portavoces, co fin de poñerlle diversos asuntos municipais por riba da mesa e pulsar a súa opinión.
A convocatoria do alcalde foi realizada xa o pasado venres e está prevista apra as 13,00 horas de mañá, luns, na sala de xuntas da consistorial de Celanova.
Malia que aínda non se celebrou ningún pleno e a ex-concelleira do PP, Monserrat Álvarez Vispo, que abandonou a disciplina do grupo municipal a pasada semana, non formalizou aínda o seu trasvase ó grupo de non adscritos, ó non terse celebrado aínda ningunha sesión plenaria na que deba ser oficializdo a constitución dese grupo político e aínda que a inesperada decisión de Monserrat Álvarez deixou ó PP en minoría numérica respecto do conxunto da oposición municipal, José Luis Ferro quixo convocar tamén a esta concelleira co fin de que poida manifestar neste foro todas esas inquedanzas que preumiblemente provocaron o seu “transfuguismo”.
Dado que é a primeira reunión de xunta de portavoces que se celebra en moito tempo e a primeira que ten lugar no mandato de José Luís Ferro, a orde do día é aberta e polo tanto serán abordados diversos asuntos municipais de actualidade, así como aqueles que desexen colocar por riba da mesa os voceiros da oposición.