Imprimir

Analizando o futuro de Castromao

  • Votación
    (0 votos)
  • Gústame

O alcalde de Celanova, Antonio Puga, foi recibido pola Directora Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, María del Carmen Martínez, co fin de analizar conxuntamente propostas de futuro para o xacemento arqueolóxico de Castromao.

Como xa é coñecido, o conxunto castrexo de Castromao foi declarado Ben de Interese Cultural este mesmo mes de novembro por acordo docastromao Consello da Xunta de Galicia, destacando o seu valor como conxunto monumental e a súa importancia como elemento dinamizador do turismo.
Por esta razón foi polo que o alcalde de Celanova solicitou unha entrevista na propia Dirección Xeral co fin de retomar vellos proxectos que por distintas razóns foron quedando paralizados no tempo, como son as campañas de investigación anuais, a reconstrucción da casa reitoral como centro de recepción de visitantes, os campamentos arqueolóxicos de verán, así como a continuación do proxecto do poboado castrexo, proxectos que serán presentados noutras departamentos da administración ou incluso noutras administracións, como poden ser Turismo, Xuventude ou a Deputación provincial.
Antonio Puga amosouse satisfeito pola receptividade atopada, tanto por parte da propia directoral xeral como do seu equipo técnico, conscientes do valor que de seu posúe o xacemento arqueolóxico de Castromao no conxunto do patrimonio arqueolóxico do Noroeste peninsular, no contexto do importantísimo patrimonio cultural co que conta o termo municipal de Celanova, onde se se dan cita nada máis e nada menos ca 4 Bens de Interese Cultural: A capela de San Miguel, o Mosteiro, a Torre de Vilanova e a Casa de Curros Enríquez.


28 de novembro de 2019