Crear PDF Recomendar Imprimir

Sometemento a debate do “Acordo sobre un código de conducta política en relación co transfuguismo nas corporacións locais (II Adenda)” con motivo do transfuguismo protagonizado pola concelleira Dona Monserrat Álvarez Vispo

  • Votación
    (1 voto)
  • Gústame

paper2Sesión Plenaria do 5 de decembro de 2012 – Punto Nº 7

INTERVENCIÓN DO ALCALDE

Quero iniciar este punto, tan inusual como necesario para o futuro inmediato do Concello de Celanova e, sobre todo, para clarificar definitivamente a postura de cada un respecto deste grave problema democrático que ten xurdido no seo deste Concello, mirándolle limpamente ós ollos á concelleira tránsfuga, Monserrat Álvarez Vispo, á súa nova compañeira, María Jesús Boo, ós outros dous concelleiros do PSOE, señores Fernández Pulido e Feijóo Fernández, ós concelleiros do BNG, señores Rodríguez Pérez, Fernández Balseiro e López Pérez, así coma ós meus propios compañeiros. E unha vez feito isto, quero erguer firmemente a cabeza para dirixirme a tódolos veciños e veciñas de Celanova co único fin de sacar á luz a auténtica verdade que hai detrás desta situación, colocando o debate no lugar onde democraticamente deben ser debatidos os problemas comúns e colectivos dos veciños de Celanova, é dicir, neste salón de sesións e no marco formal, oficial e público dunha sesión plenaria.

Como, a miúdo, o que acontece en política ten demasiado costume de embeleñarse, de forma que cando a información chega ós veciños esta está tan enleada que non a dan entendido, voulles poñer un exemplo futbolístico que creo que vai ser bastante clarificador da situación na que nos dispoñemos a vivir na corporación municipal de Celanova, se é que un arrouto de lucidez e de arrepentimento por parte de quen A xerou, non o remedia:

Imaxinen vostedes o estadio Santiago Bernabeu, o pasado sábado, completamente abarrotado de espectadores disfrutando, cada un á súa maneira, do partido, e que nun momento dado Cristiano Ronaldo, enfadado porque os seus compañeiros de equipo non lle pasan un balón, decidise achegarse ó banquillo, tirar a súa camiseta do Real Madrid ó chan e logo ir coller a camiseta do Atlético Madrid para sumarse ó equipo colchoneiro e reanudar o partido (12 contra 10) con Ronaldo de ariete disparando contra a portería de Iker Casillas. Estou seguro de que nestes momentos todos vostedes, incluída a concelleira tránsfuga, están pensando que isto que estou contando é imposible porque non o permiten as regras do xogo.

Pois ben, algo que non permiten unhas simples regras de control dun deporte, paradoxicamente permíteno as leis que deberían garantir a nosa convivencia democrática, xa que iso (nin máis nin menos ca iso) é o que está acontecendo en Celanova coa decisión tomada por dona Monserrat Álvarez Vispo, contando ademais coa colaboración necesaria e pública da portavoz do PSOE, dona María Jesús Boo.

Por iso consideramos, non só necesario senón imprescindible, que antes de empezar a gobernar (ou, mellor dito, antes de retomar a normalidade de goberno, que se viu alterada o pasado día 15 de setembro) o pobo de Celanova coñeza (non só a través dos medios de comunicación, senón dun xeito oficial, neste pleno) non só a versión deste grupo de goberno, senón a que a señora Álvarez Vispo ten a obriga democrática de lle dar ó pobo de Celanova, porque o pobo de Celanova votou maioritariamente por un goberno que agora, debido á súa decisión tránsfuga, pretende deixar en minoría numérica, que non en minoría democrática, porque iso soamente o poderán facer as veciñas e veciños de Celanova nas próximas eleccións municipais.

E o pobo de Celanova debe empezar por saber que, unha vez que o anterior alcalde e aínda compañeiro noso de corporación, Antonio Mouriño, formalizou a súa dimisión, aquel día 15 de setembro, xusto na primeira reunión que organizamos para propoñer de forma democrática e por votación á persoa que debía substituír a Antonio Mouriño na alcaldía, Monserrat Álvarez Vispo renunciou a falar no seu turno de intervencións e xusto cando Pilar Regueiro, Máximo Losada e eu mesmo presentamos –repito, libre e democraticamente- a nosa candidatura, asegurounos a todos que o seu compromiso finalizara con Antonio Mouriño e que a partir de alí xa miraría as condicións que poría para decantarse por algún de nós.

Igual que debe saber que a partir desa reunión, que tivo lugar no concello o día 17 de setembro, a agora concelleira tránsfuga non quixo volver participar en ningunha reunión de grupo e soamente admitiu de forma ocasional, na súa propia casa e acompañada sempre do seu compañeiro, reunirse por separado con Antonio Mouriño e comigo mesmo.

Pero, o pobo de Celanova debe saber tamén que en ningún momento tivo lugar ningunha disputa entre as tres persoas que decidimos optar á alcaldía, xa que os tres fixemos pública a nosa proposta aceptando que a persoa que saíra elixida por votación interna do grupo sería o alcalde ou alcaldesa de todos.

Como tamén debe saber que, cando decidiu apoiar a miña candidatura púxome como condición que a nomease concelleira de Obras, esixindo ó mesmo tempo que a súa dedicación estivese dotada cun salario que superaba con creces as dotacións das dedicacións parciais dos seus compañeiros, chegando incluso a plantear que lle fosen delegadas as responsabilidades de contratación directa das obras ata os límites que contemplase a lexislación.

O pobo de Celanova debe saber, así mesmo, que, en todo momento colocou a posibilidades que se lle presentou de cambiar a maioría como moeda de cambio para lograr unhas responsabilidades que nunca exerceu durante o ano e medio no que formou parte da xunta de goberno municipal e tivo á súa vontade unha concellería con amplas áreas de traballo (tal como destacou a voceira do PSOE, señora Boo Montes, no pleno do 11 de xuño de 2011), como foi Traballo, Muller, Familia, Xuventude e Actividades Recreativas, sen que durante este tempo fixera a máis mínima proposta de xestión.

E o pobo de Celanova debe saber, como resumo, que durante os dez días dende a dimisión de Antonio Mouriño ata a celebración do pleno no que fun elixido alcalde, tódolos compañeiros (especialmente Antonio Mouriño e eu mesmo) fomos víctimas dun sen fin de desaires, caprichos, ademais de continuas ameazas de abandono do grupo, e incluso, ó ter coñecemento dunha información publicada na prensa sobre a decisión xa tomada o ano anterior, de non organizar o concello as festas de 2013, asegurou diante de quen o quixo oír entre o grupo de persoas que estaban con ela, que os seus compañeiros “íanse enterar”, decidindo finalmente a non asistencia á Xunta de Goberno, que posteriormente culminaría ó día seguinte coa non asistencia ó Pleno xa por todos coñecida.

Por todo isto, mirándolle limpamente ós ollos (como dixen ó principio) e coa cabeza erguida fronte ó pobo de Celanova, eu pregúntolle:

  • ¿É certo ou non que naquela reunión do 17 de setembro asegurou que o compromiso que mantiña era con Antonio Mouriño e que xa poría as condicións para decidir a súa votación?
  • ¿É certo ou non que esixiu a Concellería de Obras e incluso chegou a afirmar que se vostede non era capaz de xestionala, que lle podería axudar o seu compañeiro?
  • ¿É certo ou non que chegou a consultar cos servizos técnicos do Concello se o alcalde podería delegarlle a vostede, como posible concelleira de obras, a contratación directa desas obras ás empresas?
  • ¿É certo ou non que me chegou a pedir que a súa dedicación estivese dotada cun salario que superaba con creces os 900 euros ó mes netos que perciben polas súas dedicacións os meus compañeiros?
  • ¿É certo ou non que a única vez que interveu nunha xunta de goberno foi simplemente para reclamar a contratación dalgunha actividade de ocio por parte da empresa de espectáculos do seu compañeiro?

Tome o tempo que desexe para responderme, consciente de que non me vai responder a min, senón que lle vai dar a explicación que lle debe a todos e cada un dos veciños e veciñas de Celanova, e dun xeito moi especial, a todos aqueles que hai ano e medio decidiron co seu voto que gobernase durante estes catro anos o Partido Popular e que agora vostede, coa súa decisión, estalle roubando algo tan sagrado como é ese tan persoal como intransferible voto.

E unha vez consumido ese tempo, no nome da democracia e fundamentalmente no nome dos veciños e veciñas de Celanova, pídolle encarecidamente que ó rematar este pleno dimita e lle entregue a acta ó Partido Popular, o partido que lle concedeu toda a confianza e que acaba de traizoar, co fin de que outra persoa da lista que presentamos ás eleccións se incorpore ó grupo de goberno e poida ser restituída a democracia en Celanova. Democracia que vostede roubou.

Pero antes déixeme que lle faga tamén algunhas preguntas ós concelleiros dos dous grupos da oposición.

A primeira é se teñen coñecemento do que está acontecendo cun concelleiro do PSOE no concello da Mezquita, nesta mesma provincia, que no seu caso está roubándolle a maioría a unha coalición presidida por un alcalde do BNG ou, polo menos, que se presentou ás eleccións polo BNG.

Digo isto, porque xa estaría ben (e o pobo de Celanova, entón, débeo saber) que condenasen a actuación do concelleiro tránsfuga do PSOE na Mezquita e sen embargo, se aproveitasen do voto da concelleira tránsfuga de Celanova.

A segunda é se tiveron tempo de ler o documento no que se recolle a Segunda Adenda do Pacto Antitransfuguismo que foi firmada por tódolos partidos políticos do arco parlamentario español e de tódalas comunidades autónomas cando era ministro o socialista Jordi Sevilla, e que lle entregamos na reunión da Xunta de Portavoces, á que –todo sexa dito de paso- convocamos á tránsfuga Monserrat Álvarez Vispo, cando o propio pacto di expresamente que os tránsfugas non teñen dereito a formar parte de Xunta de Portavoces.

A terceira, máis que unha pregunta é unha aclaración, pois aínda que os dous grupos políticos se manifestaron nos medios de comunicación de forma intencionadamente difusa, o pobo de Celanova debe saber que non é que vostedes teñan renunciado a presentar unha moción de censura, é que legalmente (gracias, precisamente, á aplicación do pacto antitransfuguismo) non poden facelo porque non contan cos votos necesarios para que trunfe. De poder, por cómo están sucedendo os feitos dende que Monserrat Álvarez Vispo dediciu roubarlle a maioría ó noso grupo político, permítanme sinceramente que poña en dúbida que non a levarían a cabo.

E finalmente, unha pregunta moi directa que, en realidade, leva implícitas dúas: ¿Cando Monserrat Álvarez Vispo presente algunha iniciativa, vostedes (para non ser tamén de tránsfugas tránsfuga) vanse abster ou non? E, noutro caso, se vostedes presentan algunha iniciativa e co voto da concelleira tránsfuga conseguen a maioría, ¿Vano retirar da orde do día ou van asumir con ela a súa aprobación?

Por se acaso, señor secretario, pídolle que a partir de agora e ata que se restitúa a situación de normalidade democrática que nunca debeu de ser rachada, en cada punto que se vote de hoxe en adiante e a xeito de recordatorio de tódolos grupos, conste en acta que o “Acordo sobre un código de conducta política en relación co transfuguismo nas corporacións locais (II Adenda)”, coñecido popularmente como “Pacto Antitransfuguismo”, di o seguinte:

A) No primeiro parágrafo do seu primeiro arcordo: “… enténdese por tránsfugas ós representantes locais que, traicionando (repito, traicionando) ós seus compañeiros de lista e/ou grupo, ou apartándose individualmente ou en grupo do criterio fixado polos órganos competentes das formacións políticas que os presentaron, pactan con outras forzas políticas para cambiar ou manter a mayoría gobernante nunha entidade local, ou ben dificultan ou fanlle imposible a esa mayoría o gobernó da entidade”.

B) No terceiro parágrafo dese mesmo primeiro acordo: “As medidas previstas neste acordo con respecto ós tránsfugas (é dicir, a Monserrat Álvarez Vispo), serán igualmente de aplicación a aqueles membros das entidades locais que se beneficien da súa conducta” (é dicir, a vostedes mesmos, señores concelleiros e señora concelleira dos grupos da oposición).

C) No primeiro parágrafo do segundo acordo: “Os partidos políticos comprométense a rexeitar e a non admitir no seu grupo político local a un concelleiro integrado na candidatura doutra formación, mentres manteña o cargo conseguido na súa candidatura orixinal”.

D) No segundo parágrafo do segundo acordo:

  1. “Así mesmo, os grupos políticos comprométense a impedir a utilización de tránsfugas (é dicir, de Monserrat Álvarez Vispo) para constituir, manter activamente ou cambiar maiorías de goberno das institucións públicas.
  2. … a non apoiar ningunha iniciativa que proveña dos mesmos (é dicir, de Monserrat Álvarez Vispo)
  3. …e a desincentivar o transfuguismo político a través da adopción de medidas disuasorias de carácter reglamentario ou protocolario”.

Nada máis, señores concelleiros e señoras concelleiras. Vostedes poden estar pensando que, aproveitándose desta situación, están gañando unha batalla política, traendo a democracia a Celanova (como dixo nos medios de comunicación dona María Jesús Boo) e non sei cantas paranoias políticas máis. Pero eu asegúrolles (porque confío nos veciños e veciñas de Celanova) que o pobo de Celanova, ese mesmo pobo que viu como algunhas persoas se manifestaron (¡e cómo se manifestaron!) por cambiar o sentido de circulación dunha rúa, acabará por poñelos no lugar que lles corresponde, a vostedes se manteñen a actitude de beneficiarse dunha tránsfuga e á señora Monserrat Álvarez Vispo, por roubarlles a súa voz.

 

      ©2012 - Concello de Celanova.                                                                                                                               Aviso legal | Accesibilidade | Contacto | Mapa web | RSS| Correo